ESTAMOS A NACER E CRECER

Vivimos tempos de cambios profundos, de crises económica, política e institucional, que os poderes económicos aproveitaron para recortar os dereitos e o benestar social. Pese á dureza da crises, abriuse unha greta política histórica que podemos aproveitar. Vivimos tempos excepcionais que esixen iniciativas valentes e creativas.

Eliximos un Narón que promova a honestidade dos gobernantes e que impida a convivencia mafiosa entre política e diñeiro. Hai que poñer transparencia política e económica, limitar soldos e mandatos, e establecer mecanismos efectivos de control dos responsables públicos.

Eliximos un novo contrato ético entre cidadanía e representantes.

Eliximos unha auténtica democracia que obrigue ós representantes a mandar obedecendo, con controis sociais sobre os orzamentos, con iniciativas e consultas cidadáns vinculantes que axuden a tomar decisións compartidas e lexitimadas.

Eliximos decidir cómo debe ser o Narón que necesitamos e desexamos.
Moitas destas iniciativas son defendidas, dende fai tempo, por movementos sociais, veciñais e sindicais e por diferentes espazos políticos. Pero só podémolas levar a cabo si nos implicamos e alentamos a participación cidadá de amplos sectores sociais.